Eu decidín coller auga de mar natural, polo fácil acceso que teño a ela debido ao meu traballo, pero moita xente me recomendou que fixera auga “artificial”, e a maioría dos acuarios empregan esta auga. Facer auga de mar parece doado, pero non basta con diluír sal nun 35
‰ ou 3,5%, a media de salinidade do mar. Na auga de mar están en dilución todos os elementos da táboa periódica, ademais de que existen numerosos tampóns, dos cales o máis importante é o tampón carbonato. Obviamente para un proxecto tan a longo prazo como un acuario deberemos ser coidadosos con todo, e a auga é o máis importante do acuario. Existen multitude de produtos comerciais coma
este para elaborar auga de mar.
As maiores vantaxes da auga de mar “artificial” son:
Dispoñibilidade: témola na casa, sempre dispoñible.
Estandarizado: sempre se obtén unha auga coas mesmas características.
Polo que sei, os acuarios de mar deben madurar, ousexa, a microbiota normal que vive neles debe estabilizarse. Fabricar unha auga na que non vive ningún ser vivo mariño, pode axudar nesta maduración, xa que en cada cambio de auga non se altera este equilibrio. Como xa dixen, a min resúltame máis doado coller unha auga de mar filtrada, que aínda que non é totalmente abiótica, debe ter moi poucos microorganismos, e ningunha alga nin animal.
Se non queredes facer auga de mar, e non tedes acceso a un auga filtrada, as miñas recomendacións para recoller a auga de mar son as seguintes:
O ideal é coller a auga dun lugar pouco contaminado, a ser posible fora das rías, polo menos das zonas máis interiores (evitando así que a auga sexa salobre), pero penso que por riba disto está a comodidade. Un acuario é un proxecto a longo prazo, débese polo tanto priorizar a facilidade na captación. É preferible, ao meu entender, sacrificar algún parámetro de calidade da auga ante a comodidade.
É preciso transportar a auga ata o acuario cunha certa periodicidade. Os recipientes onde se van a transportar deben ser utilizados só para o acuario, ou para auga doce. Non poden ser lavados con xabrón nin outros químicos, só con auga.
Despois de coller a auga eu recomendaría que se filtrarse. Pode usarse para o filtrado un funil e unha tea, ou un filtro de papel. O obxectivo do filtrado é intentar quitar da auga o maior número de partículas posibles.
Para eliminar todos os seres vivos da auga (ate as bacterias) debería filtrarse cunha luz de malla de 20 micras. Sen material de laboratorio non vexo factible este filtrado, e incluso con material axeitado levaría moito tempo.
Deberemos asumir, polo tanto, que si usamos auga de mar natural, en cada cambio de auga van a entrar no acuario novos seres vivos. Deberemos tomar as medidas necesarias para minimizar as consecuencias disto.